top of page

“A arte depende da capacidade de percepción de cada persoa. Para que exista ten que haber alguén que a faga e alguén que a reciba”

Cristina García Fontán, arquitecta e paisaxista

A arquitectura é unha forma de arte que transcende o meramente utilitario para converterse nunha expresión de creatividade e nunha parte fundamental da nosa contorna e a nosa identidade cultural. Desde as antigas marabillas arquitectónicas ata as estruturas contemporáneas máis innovadoras, cada obra reflicte a visión única do seu creador e contribúe a definir quen somos como sociedade. A arquitectura non só nos proporciona lugares para vivir ou traballar, senón que tamén nos conecta co noso pasado, inspíranos no presente e impúlsanos cara ao futuro.

Aínda que as creacións de Cristina García Fontán (Cotobade, 1976) non adoitan perseguir unha finalidade estética, si que é un compoñente que ten moi presente no seu traballo como arquitecta e paisaxista. Despois de licenciarse en Arquitectura na Universidade da Coruña e de doutorarse en Ordenación e Desenvolvemento Territorial na Facultade de Xeografía e Historia en Santiago de Compostela, decidiu cursar un mestrado en Arquitectura Avanzada no Berlage Institute de Rotterdam grazas a unha beca da Fundación Barrié.

Cristina recorda a súa experiencia en Holanda como o momento no que descubriu o paisaxismo como disciplina ao ter a oportunidade de “enfocar a arquitectura desde unha perspectiva máis ampla”. Mais todas as súas etapas de formación para ela foron moi enriquecedoras, non só pola oportunidade de coñecer a compañeiros e profesores que a influíron ao longo da súa traxectoria profesional, senón polas sinerxías formadas durante eses anos.

Paralelamente ao seu traballo como profesora de Urbanismo na Universidade da Coruña, desde o 2002 foi desenvolvendo a súa actividade profesional nun estudo propio no que realiza encargos individuais e tamén colaboracións con outros arquitectos para proxectos dunha maior envergadura, como a recente rehabilitación do Mosteiro de Santa Clara.

“O traballo colaborativo é fundamental na arquitectura, no urbanismo e nos proxectos territoriais. Pasamos do traballo do arquitecto illado a outro máis participativos segundo a escala do proxecto”

Antes de comezar os seus estudos, a arquitecta, afincada en Santiago de Compostela, non tiña clara cal era a súa vocación nin coñecía realmente en que consistía a disciplina artística debido a unha falta de referentes previos, algo que contrarresta coa actualidade. Cristina sinala a forte influencia de persoas coas que traballou e colaborou, desde Myriam Goluboff, arquitecta arxentina que lle ensinou campos como a sustentabilidade e outras cuestións que hai vinte anos non eran tan habituais, ata figuras que admira como Siza, Manolo Gallego, Pascuala Campos, Julia de Fernández de Caleya ou Alejandro Zahera. 

Pero, sen dúbida, a maior fonte de inspiración para esta cotobadesa son as súas viaxes por todo o mundo. Xapón, Istambul ou Nova York, entre outras; mais en cada destino atopa novas perspectivas e enfoques que enriquecen a súa práctica arquitectónica. Tamén salientar que o impacto máis próximo deixa unha pegada na súa forma de crear. Filla de canteiro, a pedra é un elemento fundamental para ela.

“Cada proxecto eu abórdoo como unha partida case de cero. Non aplicas cousas que sabes, senón que para cada un influénciante determinadas cousas como os anónimos que ás veces ves na arquitectura popular. Isto tamén é arte”

Todas esas influencias e “personalidade caótica e rebelde” de Cristina fan que as súas creacións sexan variadas e que experimente cunha multitude de rexistros e disciplinas dentro da arquitectura. Actualmente está traballando na reforma dunha vivenda, pero ao mesmo tempo en proxectos de paisaxismo e repensando os catálogos da paisaxe de Galicia.

DSC_0010.JPG

Unha das obras das que se sente máis orgullosa porque tivo un proceso moi gratificante na súa realización é o proxecto de recuperación patrimonial, etnográfica e paisaxística dos Baños de San Xusto en San Xurxo de Sacos (Cerdedo-Cotobade). Cristina considera que este traballo resume a súa traxectoria profesional, xa que se levou a cabo a restauración dunha antiga central hidroeléctrica, a contorna dun antigo balneario e catro muíños.

Para Cristina, a diferenza entre o urbanismo e o paisaxismo é evidente. Mentres que na arquitectura un edificio queda completo ao terminarse, na paisaxe iníciase un proceso no que a obra está en constante evolución. “É gratificante observar como, co tempo, a vexetación crece e desenvólvese segundo a visión inicial, como sucedeu co Monte do Gozo”, apunta. Con todo, tamén existen decepcións cando a conservación non se leva a cabo adecuadamente, xa sexa por un mantemento deficiente ou polo uso de pesticidas nocivos.

Mais para ela todo proxecto é unha aprendizaxe e un reto. Cristina considera que aínda que se poden ter claras certas ideas no deseño, nunha obra interveñen numerosos actores, desde promotores ata os executores da construción. Na arquitectura requírese dunha formación continua sobre como materializar a obra na realidade.

Fotografías cedidas. Baños de San Xusto

“É unha disciplina tan complexa que un empeza a manexala só un pouco cando levas décadas de profesión”

Na ideación de edificacións e paisaxes o proceso creativo convértese nunha fascinante viaxe onde a imaxinación se fusiona coa funcionalidade. Desde unha meticulosa investigación inicial ata a materialización da visión nun proxecto concreto, cada paso é unha oportunidade para a innovación e a expresión artística. A través da exploración de conceptos e a colaboración con diversos axentes, os arquitectos dan vida a espazos que non só satisfán necesidades prácticas, senón que tamén inspiran emocións e conectan coa contorna.

DSC_0015.JPG

Dedicarse a calquera disciplina artística require un factor de vocación e dedicación moi importante que non sempre ten a súa recompensa económica. Cristina cre que o fundamental é ser resiliente xa que require un esforzo continuo. “O bo que temos os arquitectos é que os nosos edificios están expostos e a xente pode velos e identificarnos a través deles”, apunta.

Ademais, dirixir un estudo propio implica enfrontarse a unha dualidade. Por unha banda, a paixón polo deseño e a creatividade e, por outra, a necesidade de xestionar eficientemente os recursos e enfrontarse aos desafíos empresariais. Para ela, atopar o equilibrio entre a sustentabilidade económica e a calidade do traballo é unha tarefa ardua.

Nun contexto de cambio climático e conciencia ambiental crecente, os desafíos multiplícanse. Agora, máis que nunca, é imperativo repensar a arquitectura desde os seus cimentos, privilexiando o local e o sostible. A pandemia actuou como un catalizador, lembrando a importancia de adaptarse e traballar cos recursos dispoñibles na contorna máis próxima.

Cristina cre que o gran reto realmente reside en integrar esta mentalidade en todos os aspectos do proceso creativo. Desde o deseño ata a elección de materiais e técnicas construtivas, cada decisión debe ter en conta o seu impacto ambiental. É necesario reformular a maneira en que concibimos e construímos os nosos espazos, priorizando a eficiencia enerxética, a reutilización de recursos e o ciclo de vida dos edificios.

A arquitectura do futuro non só debe ser esteticamente atractiva e responder a necesidades funcionais, senón tamén ética e responsable co medio ambiente. É un desafío que transcende a mera práctica profesional, involucrando a toda a sociedade na procura dun futuro máis sostible e equitativo.

bottom of page