“A arte é algo que se leva dentro, é unha forma de expresión persoal que impacta nos demais”
Fernando Mesa, disc-jóckey e produtor musical
A música ocupa un lugar privilexiado de popularidade entre as disciplinas artísticas debido á súa accesibilidade e á súa gran variedade de xéneros. A diferenza doutras formas de arte que requiren certas condicións específicas para ser apreciadas, a música pode experimentarse en calquera momento e lugar, sobre todo grazas á proliferación dos dispositivos dixitais e plataformas de streaming.
Cun ordenador e cunha mesa controladora de son, o disc-jóckey e produtor musical Fernando Mesa (Lugo, 1982) soubo adaptarse ás novas tecnoloxías dixitais para levar o seu estudo ata os locais de música e festivais de tech house de todo o mundo.
Este subxénero nace na segunda metade dos anos 90, cando a música electrónica se comezou a diversificar debido á súa gran popularidade converténdose actualmente nun dos estilos máis populares. Mais as producións de Fernando non só están marcadas polos sons sintéticos e as estruturas cíclicas do tech house, tamén teñen trazos latinos e tribais influenciados pola música que escoitaba de pequeno.
O debate sobre se a música electrónica é considerada arte é un tema que xerou diversas opinións e discusións en diferentes círculos, tanto dentro como fóra da comunidade musical. El considera que só algúns son capaces de conseguir que esta sexa unha expresión artística e que mentres que un pintor é capaz de crear algo nun lenzo completamente baleiro, os propios programas e interfaces axudan moito no proceso de produción.
“En cambio un músico que compón harmonías cun piano el é quen ten que marcar o tempo, quen ten que facer que todo cadre no momento preciso, quen ten que compoñer as notas procurando que non sexan disonantes”
A súa andaina na industria musical iniciouna hai máis de vinte e tres anos en Vigo, cando decidiu formarse como Técnico de Son. Foi aí onde se interesou pola creación musical e cando comezou a actuar en pequenos clubs da cidade olívica e na súa propia natal picando vinilos.
“Fomos cambiando á tecnoloxía dixital aos poucos. Despois do vinilo entrou o CD e logo o USB como novo formato dos disc-jóckeys”
No entanto, a súa faceta como produtor musical foi a que realmente mudou a súa carreira como artista, permitíndolle ser residente e tocar nas discotecas máis importantes de Galicia. Fernando Mesa considera que cando comezas a producir a túa propia música é cando aumentas notoriedade, o que permite “subir o teu caché como disc-jóckey”.
Co paso dos anos e segundo ía gañando coñecementos como produtor e sacando diferentes selos discográficos, comezou a ter contacto con outros espazos fóra da comunidade e mesmo do país, actuando en múltiples países de América Latina e nas cidades máis importantes de Europa. Ese recoñecemento e apreciación que recibiu ao levar a súa música a outros lugares é unha das mellores vivencias que lle ofreceu a industria musical, ademais de poder viaxar e coñecer outras culturas.
“Disc-jóckeys había moitos, pero dentro da produción naquel momento non había tanta xente no sector. Cando eu empecei aquí non era moi común que houbese alguén que destacase ata o punto de poder saír da comunidade”
Mais se tivera que destacar unha experiencia como artista, sinalaría unha actuación en Montañita, Ecuador. Fernando recorda que ademais de que o local, Lost Beach Club, estaba situado na praia creando unha simbiose entre a natureza e o público, tamén se sentiu moi a gusto ao recibir un trato admirable. “Non había diferenzas entre artistas grandes e pequenos”, apunta.
Fotografía cedida. Actuación en Lost Beach Club (Ecuador)
Para completar a súa formación musical, este lugués realizou un curso cun produtor recoñecido da época. Ese momento foi chave na súa etapa como creador, xa que lle permitiu entender que alcanzara un nivel na súa carreira que se consideraba profesional, pero que o único que precisaba era sorte.
E é que para el o máis complicado de ser artista é “romper a barreira do anonimato”. A realidade é que moitas persoas quedan no camiño cando tentan dedicarse á produción musical. A adquisición dun equipo e a descarga de programas son só o primeiro paso, xa que moitas veces a falta de coñecemento ou de tempo impide que as persoas avancen cara á profesionalización.
Fernando séntese afortunado ao contar co apoio incondicional da súa familia e con coñecementos previos, o que facilitou a súa dedicación á música e perseguir as súas metas. Porén, entende que non todos teñen as mesmas oportunidades e que para algúns a necesidade de traballar ou as responsabilidades diarias fan difícil atopar o tempo necesario.
A pesar de que o produtor lucense segue vinculado á industria musical, na actualidade xa non se dedica á composición e está máis centrado na súa axencia de representación de artistas, Cumac Bookings. Hai uns once anos creaba esta empresa para fichar a futuros talentos. “Agora estamos máis enfocados no tema da venda da actuación que ir eu mesmo a actuar ou a producir”, sinala.
O proceso da produción musical experimentou cambios significativos ao longo dos anos, especialmente co avance da tecnoloxía e a dixitalización da industria. Antes, a produción musical adoitaba ser un proceso máis físico, que implicaba o uso de equipos como gravadoras de cinta, mesturadoras analóxicas e sintetizadores hardware. Agora, coa chegada da tecnoloxía dixital e dos ordenadores, o proceso de produción volveuse moito máis accesible e versátil.
“Mesmo se axilizou o proceso de distribución. Ti falo, sóbelo a distribuidora e nunha semanas está en todas as plataformas, por iso está hoxe tamén tan masificado este xénero”
Fernando apunta que incluso mudou o formato no que se publican as composicións. Mentres que hai uns anos era habitual atopar cedés con álbums de doce ou catorce pistas, agora o normal é sacar un EP (Extended Play) cun só tema, xa que se intenta evitar “perder o tempo de produción en cousas que non vaian ter pegada”.
Case todas as producións de Mesa son Home Studio, é dicir, realizadas na súa propia casa. Esta práctica é moi habitual na industria da música electrónica e practicamente só se recorre aos grandes estudos se se precisa rexistrar unha voz en cabina. Os programas actuais e os aparellos de gravación permiten replicar todas as funcións que antes só se conseguían en lugares especializados.
“Con telo medianamente acondicionado acusticamente, cuns bos altofalantes, un ordenador que funcione ben e con boas librerías de sons e sintetizadores, podes chegar a facelo a nivel profesional”
Esta facilidade permite que moitos afeccionados poidan experimentar e facer as súas propias creacións. Ensaiar e probar na música é fundamental porque permite aos artistas explorar novas ideas, sons e técnicas creativas, o que enriquece o seu propio desenvolvemento artístico.
A pesar de que a música é unha das artes con maior popularidade, Fernando considera que as cancións que se escoitan hoxe en día e que se coan nas radios, “máis que arte son produtos creados para que cheguen á xente pero non a nivel artístico, senón a nivel comercial e de venda”. Isto non só favorece que as novas xeracións aprecien menos a música, tamén a arte en xeral.