top of page

"A arte redúcese á capacidade de transmitir, aínda que tamén se pode definir como un dilema"

Maru Astray, deseñadora gráfica e ilustradora

Na busca da expresión visual, o deseño gráfico preséntanse como unha das disciplinas máis diferenciadas dentro da expresión pictórica, pero a súa sinerxía permite que artistas como Maru Astray (1994, Santiago) atopen unha forma de expresión para a súa creatividade.

 

Esta artista compostelá leva desde o ano 2019 dedicándose ao deseño gráfico e á ilustración, un camiño que foi trazando a medida que se ía formando academicamente. Estivo dous anos cursando o grao en Belas Artes, pero despois dunha mala experiencia decidiu estudar Ilustración na Escola Pablo Picasso de A Coruña, unha formación que completou cun máster na Escola Superior de Deseño de Barcelona.

 

Sen plans preconcibidos, a súa andaina no mundo da arte foi unha viaxe de descubrimento, onde a súa paixón natural e creatividade emerxeron de maneira espontánea. “Nunca souben facer outra cousa, isto é algo que sempre me encantou e que vía que podía ter certa perspectiva”, sinala.

 

Maru, un alcume abreviado de María, non só é o seu nome artístico, senón tamén a identidade que adoptou en todas as facetas da súa vida. E é que baixo a sinatura de Maru Astray pódese atopar un variado percorrido profesional no que se combina a produción gráfica carteleira, maquetaxe de libros, deseño de merchandasing e ilustración.

A artista freelancer ofrece os seus xogos compositivos e os seus debuxos a unha ampla diversidade de públicos. Desde encargos personalizados para particulares ata colaboracións con institucións, empresas privadas, festivais de música e arte.

 

A súa creatividade transcende fronteiras e embelece cada espazo coas súas creacións distintivas e vibrantes.

 

Unha personalidade que se materializa tamén no seu estudo. Aínda que a maioría das súas obras están realizadas con ferramentas dixitais mediante unha tableta gráfica e un ordenador, tamén se evidencia a súa paixón polas técnicas máis tradicionais. En ocasións, primeiro realiza un bosquexo dixital que despois é materializado nun lenzo e, noutras, o proceso é a inversa.

Fanzine cedido. Maru Astray

Esta combinación do analóxico e o dixital non só amplía as posibilidades creativas, senón que desafía as percepcións tradicionais da arte. O que algunha vez foi considerado como dous mundos separados agora fúndense nunha expresión única. Así mesmo outras disciplinas dispares que a artista fusiona nos seus traballos son o deseño e a ilustración: “Se me deixan facer un cartel e ademais o podo ilustrar, para min é a hostia”. 

 

Para Maru, o descubrimento e a paixón polo deseño gráfico xurdiron da capacidade de aplicar a estética e a creatividade a "cousas máis mundanas". A artista atopou no deseño gráfico unha forma de levar a arte máis aló dos lenzos e as galerías, infundindo beleza e funcionalidade no mundo cotián que a rodea. Desde carteis e logotipos ata camisetas e publicidade, o deseño gráfico ofrécelle a oportunidade de comunicar mensaxes e crear experiencias visuais.

pelea.jpg
Ilustración cedida. Maru Astray

No mundo da arte visual, a ilustración e o deseño gráfico son dúas disciplinas interrelacionadas que converxen na procura de expresión e comunicación. Mentres que a ilustración se centra na narración visual e na expresión artística, o deseño gráfico enfócase na comunicación efectiva. A pesar destas diferenzas, ambas comparten principios estéticos e técnicas, colaborando para crear obras orixinais. Esta conexión non só enriquece o panorama visual, senón que demostra o poder da arte para inspirar e conectar a través de diferentes medios e estilos.

 

Mais Maru considera que “no deseño e na ilustración tes que estar nunha posición moi alta para poder escoller para quen queres traballar”. No mundo da arte, a realidade é que só os artistas recoñecidos poden elixir os seus clientes e para aqueles que están a emerxer, a loita por atopar un lugar pode ser desafiante. Esta dinámica crea un ciclo difícil de romper, onde os artistas menos coñecidos loitan por obter visibilidade, mentres que os poucos que xa están establecidos gozan de maiores liberdades e oportunidades. Maru apunta que “normalmente a xente que se dedica a isto actúa como unha metralleta disparando a todas partes”.

 

Aínda que o recoñecemento é un dos impedimentos de moitos artistas, Astray cre que “o maior desafío é o económico”. Moitos pintores e deseñadores enfrontan a dificultade de xerar un ingreso estable a partir da súa arte, o que pode levar a unha constante preocupación pola estabilidade financeira. A miúdo, isto obriga os artistas a equilibrar as súas prácticas artísticas con traballos secundarios para chegar a fin de mes.

“Eu recoméndolle a todo o mundo que queira vivir da arte que o intente, pero que non perda nunca a perspectiva e que non se despiste. Ao principio hai que facer malabares, poñerlle ganas e durmir pouco”

Outra das cuestións ás que se enfronta diariamente a artista santiaguesa é algo que afecta tamén a outros moitos creadores: “Para a xente que facemos cousas é difícil que nos sintamos orgullosos de algo”. De feito, a pesar de que a campaña que máis repercusión tivo foi a que realizou para o Concello de Pontevedra no 2021 co motivo do 8 de marzo, non é da que se sente máis satisfeita. Ela destaca un fanzine que realizou meses atrás como unha das que máis desfrutou, posto que "non era capaz de soltar a man para crear" e porque non tiña ningún tipo presión mentres debuxaba.

As creacións de Maru teñen unha marcada influencia do lowbrow (surrealismo pop) cunha paleta de cores moi persoal, mais a súa fonte de inspiración non se limita a figuras recoñecidas ou correntes artísticas establecidas, senón que atopa a súa musa nas vivencias diarias e os acontecementos que dan forma á súa vida.

 

Ademais, considera que encaixar as súas creacións baixo un estilo concreto o único que pode facer é limitalas. “Está feo meter as cousas en caixas, podes facer matrioskas e meter unha dentro doutra, pero sempre hai caixas que non encaixan”, manifesta Maru.

 

Esta perspectiva permítelle extraer elementos da súa contorna inmediata, desde conversacións casuais ata produtos artísticos de diferentes disciplinas artísticas que consume por ocio, desde cómics ou películas ata ilustradores que a foron inspirando.

#D4DCF2

#D9B0DB

#594ADF

#F6FFBA

“Podería citar ata cincuenta nomes de xente que fai cousas que me gustan, pero por que ían ser máis referentes que a miña nai ou a miña avoa”.

#AAEFE1

DSC_0036.JPG

Para Maru Astray, a ilustración e o deseño son moito máis que actividades artísticas, son unha fonte de pracer persoal: “Eu o que fago é para pasarmo ben, hai obras que fago unha tras doutra e logo vou repartindo por aí”. Motivada polo goce intrínseco que atopa en cada trazo ou decisión, o seu enfoque é guiado pola procura da súa propia satisfacción máis que polo impacto no público, algo que considera que é independente a cada receptor e que incluso pode non suceder.

 

Actualmente está traballando como organizadora, deseñadora e xestora no festival FunFunFun. Unha feira de autoedición celebrada este ano no Centro Cultural de Santa Marta e na que se reúnen creadores e artistas de diversas disciplinas da autoedición, con especial participación da comunicación gráfica, a banda deseñada e os fanzines. “Nesta sexta edición quixemos dar un salto cualitativo para poder desenvolver un proxecto máis forte, aínda que xa está bastante consolidado porque hai poucos festivais de autoedición en Galicia”, destaca Maru. Ademais do FunFunFun de Santigo de Compostela, en Lugo está o Vaia Vaia e, en A Coruña, o Autobán.

 

A autoedición e os fanzines representan para moitos artistas como Maru unha vía de expresión independente e auténtica. Estes medios ofrecen a liberdade de crear sen restricións externas, permitindo que as obras de arte cheguen directamente á audiencia sen intermediarios. Trátanse, por tanto, de revistas elaboradas por afeccionados a un tema particular, producidas a través de técnicas artesanais e de baixo custo, xa que o seu fin é meramente expresivo.

 

Estas formas artísticas son unha proba máis da vitalidade e a relevancia da arte na sociedade contemporánea, demostrando que a creatividade e a expresión poden florecer en calquera contexto, mesmo fóra dos confíns tradicionais das galerías.

bottom of page