top of page

"A arte é unha forma de comunicación, unha expresión máis de como está o planeta e de como funciona a nosa sociedade"

Bruno Arias, director e montador de cine

O cinema, considerado a sétima arte, ocupa un lugar único nas expresións artísticas. A través da combinación de imaxes en movemento, son, actuación, música e outros elementos visuais e auditivos, o cinema ten o poder de evocar emocións, contar historias e transmitir ideas dunha forma singular.

 

Este aspecto interdisciplinario do cine é un dos motivos polos que Bruno Arias (1998, Vigo) escolleu esta arte como medio de expresión. Despois de graduarse en Comunicación Audiovisual no 2020, este mozo curioso por contar historias traballa actualmente como montador, director e deseñador gráfico para proxectos propios e externos.

Un deses proxectos persoais é Os espazos en branco, unha longametraxe documental estreada no 2023 e que mestura o cinema, a poesía e o teatro. Ademais de ser a opera prima de Bruno, a obra foi galardoada cun Mestre Mateo, un dos premios máis importantes que poden recibir as producións audiovisuais galegas.

O enfoque singular do novel director ao situar os seus recordos, historia familiar e a súa propia identidade no centro da súa primeira película, brindan unha perspectiva única.

 

A obra destaca pola súa orixinalidade, labor documental e creatividade ao fusionar diferentes recursos narrativos (literal, teatral e performativa) para tratar a vida da súa tía, Xela Arias. A escritora, poeta e tradutora sarriana foi pioneira á hora de traducir os grandes clásicos da literatura ao idioma galego, sendo este un dos motivos polo que se lle dedicou o día das Letras Galegas no 2021.

OEEB_CARTEL_V13.png
Cartel cedido. Bruno Arias
DSC_0019.JPG

A arte é unha suma de linguaxes

que poden estar interconectadas entre si”

Mais o tratamento da memoria no audiovisual non é algo novo para Bruno, xa que forma parte do Asociación Memoria e Cinema. Este colectivo, xurdido a partir do Traballo de Fin de Grao de varias compañeiras de promoción (Laura Piñeiro, Coral Piñeiro e Maite Martínez) co fin de retratar a historia detrás dos campos de concentración franquista, é agora unha infraestrutura encargada de retratar a remembranza histórica, local e familiar.

“No colectivo queremos dar voltas varias sobre a memoria, contala desde un punto de vista diferente e axeitado á nosa xeración e a como entendemos nós o audiovisual, o cine e a arte en xeral. Ademais de facelo coa intención de difundir unha mensaxe necesaria”

Dos traballos realizados durante estes catros anos, Bruno destacaría o resultado de Na pel da memoria, unha curta sobre Mariví Villaverde encargada pola Deputación de Pontevedra. Tanto esta peza como Os espazos en branco intentan dar resposta ás pegadas das historias e das persoas na memoria, unha concepción moi persoal que el reflicte nas súas creacións.

A pesar de todos os logros conseguidos na súa traxectoria profesional, o cineasta salienta como o máis satisfactorio estar rodeado dun equipo co que traballa en sintonía. Para el o cinema é unha arte colectiva na que é fundamental encaixar e aprender uns doutros.

“Creo que precisamente porque concibo a arte e o cine como algo moi vinculado ao humano e ao persoal, apartar ese factor e traballar como se isto fose unha churrería sería algo incoherente”

No caso de Os espazos en branco case todos os membros do equipo que participaron na súa rodaxe e produción compartiron a súa primeira experiencia na realización dunha longametraxe, algo que influíu positivamente na aprendizaxe de todos ao deixar entrar diferentes opinións nas propias visións individuais. Para este vigués, ese foi o mellor acerto do filme, ademais de lograr o “privilexio” de resolver un conflito interno e de coñecer mellor a súa tía Xela.

Fotografías cedidas. Rodaxe de Os espazos en branco

A influencia da familia xoga un papel fundamental no desenvolvemento artístico de Bruno. Os seus dous grandes referentes son a súa tía Xela e o seu avó Valentín, do cal garda máis recordos. Así mesmo, considera que o seu contexto familiar contribuíu a que se interesara especialmente pola lingua, pero tamén pola cultura en xeral.

 

O artista pensa que a súa tía foi a que conseguiu que desde moi novo lle atraera outra forma de contar as cousas e de “darlle unha volta” a cada proxecto no que se involucraba, mentres que o seu avó lle “puxo na cabeza as ganas de querer facer cousas, ser curioso e de experimentar en diferentes rexistros”.

 

Do mesmo xeito, as interaccións con colegas e expertos no mundo da arte son unha fonte de estímulo creativo para Bruno, proporcionando unha inspiración que arrequece o seu proceso creativo. Este é un recordatorio poderoso de que a arte é intrinsecamente social e de que a colaboración e o intercambio de ideas son fundamentais para o seu enriquecemento e evolución.

Arias tamén atopa referentes en rexistros moi diferentes de diversas disciplinas. Esta exploración de diferentes territorios culturais amplían os seus horizontes como cineasta e como persoa, fomentando un enfoque transversal.

“Busco de todas as cousas que hai no mundo cales podo aportar eu e cales me poden facer medrar como persoa, e non só como persoa que fai cine”.

Na súa experiencia, o realizador séntese moi afortunado por ter levado a cabo todas as súas ideas sen verse coartado por nada, mais cre que esta é unha “cuestión de sorte” e de “estar no momento concreto e no lugar máis axeitado”.

 

Bruno considera que si existe unha certa liberdade no mundo audiovisual, aínda que é fundamental buscar financiamento para poder contar unha historia, algo que non sempre é posible. Tanto as tendencias como o público condicionan, en moitas ocasións, que certos relatos reciban o apoio das produtoras para recibir certas axudas, xa que estas ás veces “cumpren o papel de ponte entre creadores e subvencións”. Isto pode potenciar a homoxeneización do cinema e da arte en xeral, deixando só espazo para o que busca o mercado.

Non obstante, o artista opina que o maior reto é fuxir da precariedade, sobre todo cando se está comezando no mundo audiovisual. Sinala que é fundamental que os novos creadores poñan límites e que loiten contra a falsa crenza de que por perseguir metas laborais se deben aceptar condicións máis precarias.

 

O futuro do panorama audiovisual galego é prometedor e cada vez son máis os artistas como Bruno Arias que loitan por facer cinema en galego. “A xente estase decatando que facer películas na nosa lingua simplemente é facelas noutro idioma ao que non están acostumados, pero que é tan válido como calquera outra e, iso, significa a normalización dunha lingua”, apunta. O cineasta vigués agarda que isto se manteña no tempo e que non sexa simplemente unha tendencia actual.

bottom of page