top of page

“Todo proceso creativo é arte pero, para min, ten que buscar o equilibrio e a harmonía. Ademais é unha válvula de escape para expresarme”

Teresa Arrojo, escultora e ceramista

A escultura é a arte de dar forma e vida á materia, de transformar o inerte en algo que respira e fala particularmente a cada observador. Nas mans dos escultores a pedra vólvese suave, o barro transfórmase en formas rechamantes e o metal cúrvase con graza.

​

Como unha obra de arte en constante evolución, a vida da escultora, ceramista e pintora Teresa Arrojo (Lugo, 1961) foise modelando coa mesma paciencia, dedicación e visión que emprega no seu taller. Aínda que a súa andaina foi sinuosa e estivo involucrada en todo tipo de proxectos, atopou a súa verdadeira paixón na arte, onde cada peza lle permíite expresar a creatividade que arde no seu interior.

​

Desde moi pequena tivo a necesidade de crear coas mans e de experimentar con diferentes materiais: pergamiños, cerámicas, barro refractario, pastas... Teresa defínese como “moi inquieta e nada purista” e encántalle probar elementos dispares, mesturar técnicas e colaborar con outros artistas para explorar novas formas de expresión creativa.

A lucense considera que a súa pericia artística venlle de familia: “Se algo de artista teño é por miña nai, era pianista e tamén pintaba”. Por ese motivo, agora firma co apelido da súa proxenitora, Arrojo, xa que recoñece que foi ela quen lle inculcou esa paixón pola arte.

​

Non só a súa infancia é fonte de inspiración para Teresa, tamén o é todo o que percibe ao seu redor. Para ela, o seu taller é un refuxio onde a súa imaxinación pode florecer e as súas ideas poden cobrar vida. Alí, o tempo detense e pode pasar horas xogando cos materiais e perfeccionando as súas habilidades.

O camiño de Arrojo, artista de alma inquieta, está marcado pola procura incansable da liberdade creativa. Desde o seu Lugo natal, onde o gris e o marrón eran os tons predominantes da paisaxe urbana, ata os verdes e azuis dos campos asturianos, a súa viaxe foi unha exploración constante de novos horizontes e posibilidades.

​

Desde moza, sentiu a necesidade de expandir os seus lindes e probar diferentes formas de expresión artística. Aínda que comezou estudando Dereito en Santiago, pronto descubriu que a súa verdadeira paixón xacía na arte. "Gustábame todo, quería experimentar e marchar de Lugo", explica. Abandonou os seus estudos de Dereito e optou por Filosofía, aínda que esta elección tampouco a satisfixo por completo. Con todo, naqueles tempos, "tiñas que estudar unha carreira".

​

Despois de traballar durante sete anos nun centro de emprego para mulleres, primeiro como voluntaria e logo como empregada, Teresa decidiu dar un xiro radical á súa vida e marcharse a Mallorca por amor. Foi na illa balear onde atopou a liberdade que tanto ansiaba e onde comezou a estudar Cerámica Artística nunha Formación Profesional. Ademais, tivo a oportunidade de coñecer a numerosos artistas e colaborar en diversos proxectos creativos.

“Aínda que non vivía exclusivamente da arte, compaxinábao con outros traballos para manter a miña independencia creativa. Eu non fago encargos, prefiro traballar doutra cousa se non podo facer o que quero”

Despois do seu paso por Mallorca, Teresa trasladouse a Borines (Asturias) tamén por amor. Alí, xunto á súa parella, embarcouse no proxecto de restauración dunha casa escola do século XIX. Neste recuncho da natureza asturiana, atopou un taller onde dedicarse por completo á súa arte e experimentar con novas técnicas e materiais.

​

"Estaba en contacto constante coa natureza", lembra Teresa. Foi alí onde creou moitas das súas esculturas máis destacadas, deixándose levar pola beleza e a serenidade da contorna. Ademais da escultura, tamén comezou a pintar, sentindo a necesidade de agregar cor á súa obra e explorar novas formas de expresión.

DSC_0052.JPG

A súa evolución vital tamén se reflicte na súa obra. “A xente pensa que é algo que ben dado, pero é un proceso longo de aprendizaxe”, apunta. A luguesa cada vez engade máis óxidos e texturas ás súas pezas, ademais de experimentar coas posibilidades que ten o forno nos procesos de redución.

​

Agora a artista expón as súas obras na cidade que a viu medrar, volvendo ao seu lugar de orixe. 32 de luz é un espazo creativo que, despois de seis anos de reforma, Teresa abriu xunto á súa parella Álvaro Corrales no barrio lucense de Recatelo.

“Eu quero compartir este espazo e cedelo a artistas que teñan a miña forma de ver a arte e que estean empezando. Non é nada fácil poder vivir da arte, sobre todo a nivel galerías non todo o mundo ten a oportunidade de pode acceder a elas”

DSC_0019.JPG

A artista considera que, para ela, o éxito é poder “subsistir do que máis lle gusta” e poder facer o que máis lle enche, crear. Séntese afortunada ao contar cun espazo no que compartir as súas obras, mais non lle interesa “posicionarse no mundo da arte”, senón expresarse artisticamente.

​

Pero as súas etapas vitais non só se manifestan nas súas técnicas, tamén na que foi a súa primeira exposición, “Interacción”. Partindo da noción de escultura viva que ideou en Mallorca hai vinte anos, Teresa deixou que a peza principal adquirira unha nova vida cubríndose de liques e musgos no monte de Borines. Foi un proceso longo e fascinante, onde a obra se transformou lentamente baixo a influencia do ambiente circundante.

​

Partindo desta concepción, a escultora tamén modelou con mestría unha serie de pezas con forma de ánforas e obuses, as cales encheu de liques e filamentos feitos de porcelana, creando unha simbiose perfecta entre o natural e o artificial.

Mais as exposicións de Teresa Arrojo van máis aló da interacción coa natureza. Na súa serie "Sinuosas" presenta a figura feminina en toda a súa beleza e misterio. Mulleres feitas de barro de manganeso, modeladas con precisión e puídas ata pechar o poro, simulan o aspecto do bronce, mentres outras están feitas de barros refractarios, mostrando a versatilidade e a habilidade técnica da escultora.

“A miña idea para a seguinte exposición é xuntar a interacción da natureza coa escultura de mulleres, facendo como se saíran da terra cubertas de musgos e liques”

Para Teresa a escultura é moito máis que unha forma de arte, é unha forma de vida, unha maneira de conectarse co mundo que a rodea e de expresar a súa visión única do universo. A súas creacións son a celebración da beleza e a harmonía que pode existir na interacción entre o ser humano e a atureza.

Revista Vencellos

Lucía Campos

©2024 por Mi sitio. Creado con Wix.com

bottom of page