top of page

“A arte está en todo. A arte é a expresión dun pobo, a nosa tradición, a evolución da sociedade”

Jaime Pablo Díaz, bailarín e coreógrafo

A danza, na súa esencia máis pura, transcende as barreiras da linguaxe e a cultura para converterse nunha forma universal de expresión artística. Desde os rituais antigos ata as sofisticadas producións contemporáneas, a danza é un medio poderoso para transmitir emocións, contar historias e explorar a complexidade do ser humano.

O bailarín e coreógrafo Jaime Pablo Díaz (Ferrol, 1968) atopa na danza e no movemento do corpo o seu medio de expresión por excelencia. Pero isto é algo que descubriu por casualidade cando tiña só sete anos ao acompañar a unha amiga da súa nai a inscribir as súas fillas na que despois sería a súa primeira agrupación. “Quedeime abraiado con aquilo que vin e cando cheguei á casa pedinlles a meus pais que me apuntaran a min”, sinala.

O que parecía un capricho pasaxeiro acabou converténdose en toda unha vida dedicada a esta disciplina artística. Despois de estar varios anos no grupo de danza tradicional Terra Meiga e en varias agrupacións ferrolás, con dezaseis anos collérono para formar parte da compañía Ballet Galego Rey de Viana. Alí foi onde comezou a investigar outras formas de danza contemporánea para sacarse, finalmente, a carreira de Danza Clásica en A Coruña.

Despois de formarse en diferentes estilos, no 2003 decidiu crear a compañía Nova Galega de Danza. Este corpo de baile abriu unha nova aproximación á tradición galega desde unha mirada máis actual, fusionando en vivo coreografías complexas, música de raíz e vangarda. Actualmente forman parte dela dez persoas, aínda que só sete están enriba dos escenarios.

“Chega un momento no que tes ganas de contar algo con todo o material que tes. Quería contar algo desde a tradición pero levala a un mundo máis contemporáneo”

DSC_0028.JPG

Para Jaime é fundamental recoller desde a fonte de sabedoría da tradición e, sobre todo, cando existe unha riqueza tan grande: “Primeiro temos que saber quen somos para poder avanzar”. Con todo, o que realmente define para el o panorama da danza tradicional en Galicia é o seu arraigamento na comunidade. O bailarín reflexiona sobre a importancia das numerosas asociacións que a manteñen viva, proporcionando un espazo vital para que unha ampla gama de bailadores continúen participando e transmitindo este legado cultural.

Outra forma fundamental de transmisión é a ensinanza e na danza cobra unha especial importancia. Os mestes non só comparten técnicas e movementos, senón que tamén transmiten paixón, disciplina e un profundo entendemento da arte. Jaime é profesor de 275 alumnos na Escola Municipal de As Pontes e, para el, é moi satisfactorio poder compartir o que leva sentido desde moi pequeno. Ademais, prepara os nenos para os recitais de fin de curso como se fose “para a propia compañía” e intenta que sexan partícipes do proceso creativo para que entendan todo o que hai detrás de conformar un espectáculo.

A pesar das súas diversas facetas profesionais, Jaime atopa unha emoción especial ao estar no escenario como bailarín. Para o ferrolán o momento máis satisfactorio é cando comparte impresións co público despois dun espectáculo.

“Cando che contan o que sentiron, como se emocionaron, se lles gustou ou non. Todo iso que sucede despois de facer unha representación é o máis bonito”

En Galicia, a aceptación do público no tocante á danza de Nova Galega é excepcional. Aínda que existen numerosas compañías que se dedican ao baile clásico, contemporáneo ou moderno, a dirixida por Jaime Pablo Díaz destaca polo seu enfoque único ao fusionar a tradición cunha perspectiva máis contemporánea.

Esta aproximación colócaos nun lugar privilexiado, xa que están a traballar desde as súas raíces e a súa esencia. Cada vez que presentan unha actuación, hai unha gran expectación porque sempre se esforzan por ofrecer algo diferente e distintivo. Algúns dos seus últimos espectáculos foron “Son”, “Leira” e “Berro”, tres proxectos singulares e con procesos de produción moi diferentes.

No seu proceso creativo, Jaime Pablo Díaz atopa inspiración tanto en ideas orixinais como en rigorosas investigacións, como foi o caso do seu último traballo “Berro”. Coa intención de romper co convencional e explorar novas perspectivas, embarcouse nun intenso proxecto de dous meses xunto ao coreógrafo israelí Sharon Friedman, fusionando a tradición galega con elementos contemporáneos.

A peza resultante foi un desafío constante que demandou moitas horas de ensaio diarias. Jaime describe o proceso como a creación dunha nova linguaxe, onde a repetición foi fundamental para puír cada detalle da coreografía, que funcionaba como un reloxo suízo, onde calquera desaxuste podía esborrallar a obra.

Fotografías cedidas. "Berro", última produción de Nova Galega de Danza para celebrar os 20 anos da existencia da compañía

Leira" é unha obra que evoca os recordos da súa infancia en Pantín, mentres que "Son" xorde dunha investigación sobre o flamenco, estudando territorios creativos nunca antes explorados desde Galicia.

Actualmente, o director de Nova Galega de Danza está inmerso nun novo proxecto titulado "Dique", que aborda a construción do dique de Campá de Ferrol, a obra de enxeñería máis importante do século XIX. Consciente do papel crucial que desempeñaron as mulleres na devandita construción, decidiu dar voz a esta parte esquecida da historia e, así, o elenco completo, desde a dirección artística ata a música e o vestiario, está composto exclusivamente por mulleres. Con esta iniciativa búscase resaltar o inestimable e pouco recoñecido labor destas traballadoras.

Para o bailarín, estar sobre o escenario é como montar en bicicleta, unha vez que se domina todo flúe de forma natural. Nese momento, está completamente inmerso no espectáculo, concentrado na interpretación e deixando que o seu corpo se exprese libremente, sen espazo para pensamentos conscientes. Para os espectadores, a danza ten o poder de contar historias e provocar reflexións profundas, cada xesto e expresión pode transmitir emocións e narrativas, conformando unha viaxe emocional.

bottom of page