"A arte amplía o noso coñecemento do mundo pero tamén o noso descoñecemento"
Alba Cid, poeta e filóloga
A literatura é a arte das palabras e, a poesía, a de condensar a beleza, a emoción e a profundidade das experiencias humanas en expresións coidadosamente dispostas. A poética non é unicamente un xénero literario, senón unha viaxe íntima cara á esencia mesma do ser.
Ese camiño é o que Alba Cid (Ourense, 1989) persegue desde moi pequena. A filóloga, poeta e escritora encontra nesta disciplina unha linguaxe única que ningún outro xénero lle ofrece. Para ela “nun poema cabe todo o que lle queiras meter”, algo que comparte tamén coa que considera como unha das voces máis representativas da poesía galega contemporánea, Chus Pato, quen cre que un poema pode sumir dentro de si o mundo.
A formación académica de Alba, Filoloxía Galega, deixou unha pegada profunda na súa relación coas palabras, mergullándose no universo de significados e conexións que continúan inspirándoa ata o día de hoxe. Con todo, ao reflexionar sobre o seu camiño, dáse de conta de que a relevancia da súa educación vai máis aló das aulas e os libros. Desde os certames da súa infancia ata os encontros con outras formas de arte, cada experiencia contribuíu á súa forma de escribir.
Aínda que a filoloxía segue sendo unha parte fundamental da súa identidade creativa, Alba tamén recoñece a importancia de abrir o foco e explorar outras influencias que poden ser igualmente significativas.
“Quizais non só hai unha xenealoxía literaria, senón xenealoxías artísticas. A nosa mente, a nosa personalidade, a forma en que nos atopamos coas cousas que aparecen no noso camiño"
Xa de adolescente, adentrouse no mundo da poesía galega dos 80 e 90 e tivo a oportunidade de participar nun taller dirixido por Yolanda Castaño en Ourense. Foi nese intre cando descubriu que existía un tipo de poesía que aínda non chegara a ela. Con todo, esa experiencia abriulle as portas a novas voces e perspectivas no mundo da literatura.
Máis adiante, o seu interese desviouse cara ao modernismo norteamericano, e quedou fascinada especialmente pola obra de Marianne Moore, quen cunha mirada científica observaba a natureza de maneira innovadora. Logo, a súa atención dirixiuse cara á Escola de Nova York, onde a poesía de figuras como John Ashbery conseguían sumila nun transo case hipnótico, especialmente pola velocidade coa que flotaban as voces nos seus versos.
Estas influencias, xunto coa súa fascinación pola fotografía e a arte rupestre que a rodea, deixaron unha marca indeleble na súa escritura, demostrando que as influencias artísticas van máis aló da literatura e teñen un peso significativo na forma en que nos expresamos e percibimos o mundo.
Alba foi recoñecida como escritora desde moi nova con diversos galardóns literarios, mais no 2020 foi galardoada co Premio Nacional de Poesía Nova Miguel Hernández polo seu primeiro libro Atlas. Para ela este poemario, publicado por Galaxia no 2019, foi a obra que lle deu “máis alegrías, conversas e viaxes”. Ademais, conta cun valor sentimental engadido, xa que a poetisa considera que o libro impreso é “a vía sagrada de entrada no sistema literario”, aínda que cre que iso ten que mudar.
“Eu sempre fun moi crítica con esa idea do primeiro libro individual impreso, sobre todo para unha xeración como a miña que xa transitou moitísimo internet, que tivo Tumblr ou que usou Instagram case como unha especie de caderno de probas ou de diario de notas”
Atlas levou a escritora ata Asia e América, procurándolle contactos con persoas coas que non chegaría doutra maneira. “Fixo moito camiño libremente, e iso é o mellor que lle pode pasar a un libro”, sinala.
A ourensá destaca a diversidade de elementos que conforman a súa propia experiencia e que atopan o seu lugar na súa obra, como o historia do seu avó traballando na construción do tren Zamora-Ourense nos túneles do Cañón do Sil. Pero non se detén aí, senón que resalta a presenza de mapas de culturas afastadas e curiosidades insólitas, como a pintura sobre tea de araña en certos momentos da historia.
Todo iso, para a autora, forma parte dun mesmo contexto, o seu propio, onde as cousas que a sorprenden ou impresionan nun momento dado intégranse naturalmente na súa escritura. Recoñece que a súa obra é o reflexo destas experiencias, onde a memoria íntima e persoal entrelázase con descubrimentos máis inesperados, mostrando así a súa fidelidade e honestidade cara a aquilo que a motiva e move emocionalmente.
Alba cre que o concepto máis próximo á súa inspiración é o de “fascinación”, desde imaxes que lle chaman a atención, historias, citas, obxectos doutras culturas que atopa en museos... Ademais de ter a capacidade de concentrarse para crear en calquera lugar, como nas viaxes en tren ou en bibliotecas, tamén atopa ideas en calquera contexto.
Na súa reflexión sobre a relación entre o seu proceso creativo e a recepción do público, a autora recoñece que o desexo de ser lida é unha parte inherente do seu labor. Lembra unha voz feminina dentro do libro Metalá de Chus Pato, que expresaba ironicamente o desexo de ser comprendida, o que subliña a aspiración común de comunicarse a través da arte. Con todo, a autora sostén dúas crenzas fundamentais en relación a esta tensión entre a creación e a aceptación.
A escritora considera que os libros atopan o seu propio camiño e que “tarde ou cedo chegan ás persoas adecuadas”, unha idea que tamén se reflicte na vida cotiá cando unha obra de arte pode resoar de maneira diferente co paso do tempo. En segundo lugar, recoñece a importancia de crear un lectorado, especialmente no caso da poesía, un xénero considerado minoritario e que depende en gran medida de factores como a vontade individual, as institucións e o azar.
A pesar de todo, ao escribir, a autora prioriza a honestidade consigo mesma e evita preocuparse demasiado pola recepción do seu traballo, aínda que é consciente de que é completamente natural desexar ser comprendida e atopar un público receptivo.
Na súa traxectoria como poeta, experimentou numerosos cambios, principalmente debido ao seu inicio na escritura desde unha idade moi temperá, unha práctica que considera extremadamente vantaxosa. Estas variacións foron tanto naturais como provocadas por experiencias vitais e artísticas. Alba recoñece que isto é inevitable na súa vida e na súa obra, e que o que máis lle atrae é precisamente esa natureza cambiante, que se reflicte na súa evolución como escritora.
Alba lembra con especial interese unha experiencia vivida hai dous anos, cando participou nunha acción sonora e performance ao redor da Pedra que Fala en San Xoán de Fecha. Esta formación rochosa, que adoitaba ter un eco especial e que era utilizada pola comunidade local para xogos, foi o centro dun proxecto colaborativo entre artistas sonoros, escenógrafos e arqueólogos. A iniciativa tiña como obxectivo devolverlle á pedra a súa voz perdida ao longo do tempo debido aos cambios na súa contorna, así como rescatar parte da memoria colectiva da comunidade.
Este tipo de propostas representan un proceso completamente novo e diferente á escritura en soidade dos seus poemas, pero sen dúbida influíron na súa forma de observar o mundo e de escribir desde entón, profundando aínda máis na súa visión creativa.
Outra das experiencias que recorda con máis cariño, é a súa participación no Tesouro espeleolóxico galego, unha obra elaborada durante anos polo Club Espeleolóxico Maúxo e para a que escribiu a súa introdución. Entre as sorpresas maiores que descubriu nese proxecto están aquelas galerías ou covas míticas que desapareceron e das cales só temos noticia pola literatura, pero que son incluídas con absolutamente normalidade e como unha entrada máis. A escritora cre que “non hai mellor exemplo de como a arte consegue facer visible o invisible”, posto que a partir do momento en que a sociedade culturalmente acepta a existencia de algo, este adquire un certo grao de realidade.
Mais a existencia dunha cultura tamén implica a recepción da mesma, así como a necesidade de atopar unha coexistencia saudable coas críticas. Ela cre que non se debe ver este aspecto con receo ou con perigo, senón entendelo máis como un signo de normalidade e de que algo vai ben: “O triste é que non haxa recepción do tipo que sexa”.
Para Alba, a verdadeira realización para un artista reside en manterse fiel á súa inspiración interna, mesmo cando esta poida parecer desconcertante ou incomprensible para os demais. Esta perspectiva subliña a valentía necesaria para seguir o propio camiño creativo, en lugar de conformarse coa aprobación externa. Nun mundo onde a validación pode ser efémera e subxectiva, abrazar a autenticidade convértese nun acto de afirmación persoal e artística.